Wake up continúa na liña de traballo trazada polas anteriores propostas escénicas de Nut Teatro.O espectáculo trata de “abrir as portas e as xanelas das casas que nos protexen para ver como nos comportamos dentro do fogar”.

A compañía Nut Teatro pecha no Multifuncional de O Carballiño as representacións do Festival de Teatro Galego (Fetega). Farao con Wake up, unha peza escrita e dirixida por Carlos Neira e coproducida polo Centro Dramático Galego.

Iria Sobrado, Nerea Barros, Xiana Carracelas e Arantza Villar son as catro actrices que conforman o elenco da obra, unha proposta experimental e vangardista, só apta para adultos.

Wake up continúa na liña de traballo trazada polas anteriores propostas escénicas de Nut Teatro. Segundo comentou en Radiofusión Xiana Carracelas, a montaxe “fala sobre a identidade no ámbito doméstico, na intimidade”. O espectáculo trata de “abrir as portas e as xanelas das casas que nos protexen para ver como nos comportamos dentro do fogar”.

Wake up é un expoñente do que é o teatro contemporáneo, conceptual, que se mestura con disciplinas como a performance, as instalacións ou a videocreación. En palabras de Xiana, as actrices son tamén creadores dos espectáculos, xa que partindo dunha premisa máis teórica, dun concepto, crean a súa propia visión desa idea.

A entrada para gozar da obra de Nut Teatro custa cinco euros. Despois do Fetega, Wake up representarase tamén no Auditorio Municipal da cidade das Burgas o 30 deste mes de setembro, con motivo da celebración do Festival Internacional de Teatro de Ourense. Xa en decembro, o 23, a compañía actuará no Teatro Jofre de Ferrol.