Os interesados en inscribirse neste programa deberán cumprir un requisito: estar empadroados no termo municipal de Narón. Terán que achegarse ó Servizo Sociocomunitario Municipal

A Concellería de Servizos Sociais, dirixida pola edil Mª del Carmen Espada, mantén aberto o prazo de solicitude para participar no programa “Xantar na casa”. Trátase dun servizo ofrecido polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, cofinanciado polo Concello mediante un convenio de colaboración entre ambas entidades.

A Xunta de Goberno Local celebrada o pasado xoves (10/02/2011) aprobou a renovación deste convenio, mediante o cal o Concello financia o 26,6% do coste do menú, o usuario a mesma cantidade (26,6%) e a Xunta de Galicia o resto (46,6%). Deste xeito, o usuario paga 1,87€ ó día por un menú equilibrado que se lle entrega no seu domicilio.

“Xantar na casa” é un servizo que nace coa idea de “achegar ás persoas que teñen escasa autonomía persoal e viven solas, unha alimentación equilibrada e saudable. E ó mesmo tempo, se lles libra de ter que empregar a cociña, o cal pode supor un risco en determinadas circunstancias”; sinalou a edil de Servizos Sociais, Mª del Carmen Espada.

O coste mensual deste servizo para os usuarios é o seguinte:

  • 52,36€ se o reparto ó mes é de catro semanas
  • 65,45€ se o reparto ó mes é de cinco semanas