A Concellería de Igualdade de Narón convoca o I Concurso de Carteis conmemorativos do 25 de novembro

A Concellería de Igualdade de Narón, dirixida pola edil Teresa Sabio, ven de convocar o I Concurso de Carteis conmemorativos do 25 de novembro (Día da Eliminación da Violencia contra a Muller). O prazo para participar neste concurso abrirase o día 8 de marzo, coincidindo co Dia Internacional da Muller Traballadora. As bases do concurso poden consultarse na páxina web do Concello, www.naron.es

O cartel gañador do 1º premio será utilizado para confeccionar os carteis e programas das actividades organizadas con motivo do 25 de novembro, e o tema do mesmo será libre. Poderán concursar no mesmo cantas persoas maiores de 18 anos o desexen.

Os carteis terán unha dimensión mínima de 30x42 cms. e máxima de 50x70 cms. e deberán presentarse sobre un soporte ríxido que faga factible a súa exposición. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos e non ser premiados con anterioridade en ningún outro concurso ou certame.

Cada concursante poderá presentar un máximo de tres carteis. Establécese un primeiro premio de 300 euros e dous accésit de 150 euros. O prazo de presentación dos traballos finalizará o día 1 de setembro de 2012, e se presentarán no Rexistro Xeral do Concello.

O xurado estará composto polos seguintes membros: A Concelleira de Igualdade (en calidade de presidenta), catro representantes da Comisión de desenvolvemento da actividade social e Igualdade, dous representantes do mundo das artes plásticas, e un/ha técnico/a do Servizo Sociocomunitario, con voz, pero sen voto.

O xurado examinará os traballos presentados tendo en conta os seguintes criterios de selección: Impacto social positivo, Calidade artística e Orixinalidade. O fallo do xurado, darase a coñecer a partir do día 1 de novembro de 2012, e do 1 ao 30 de novembro de 2012 realizarase unha exposición cunha selección dos traballos presentados.