Acto organizado para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller

A Concellería de Igualdade de Narón, dirixida pola edil Teresa Sabio, convoca para hoxe mércores 12 de marzo ás 18:00 horas no Local Social Municipal de O Alto, unha mesa redonda titulada “Educando en igualdade”.

A entrada é de balde. Nesta convocatoria se tratará o tema da educación en igualdade, intentando sensibilizar á poboación, analizando os estereotipos de xénero na familia, na escola e na comunidade, e as formas de manifestarse e medios para combatelos.

Esta dinámica permitirá que participen persoas que sexan referentes nos distintos eidos, para poder falar da súa experiencia. Deste xeito, compartiranse actitudes e puntos de vista diferentes para analizar a realidade, potenciando un espazo de intercambio e de apertura do pensamento propio e doutras persoas.

A moderadora será Cristina Justo, socióloga experta en Igualdade.

Contarase coas seguintes participantes:

  • Mª del Carmen López (psicóloga da Asociación de Loita contra os malos tratos “Almat”)
  • Eugenia Méndez (xerente da Fundación Terra de Trasancos)
  • Maria Jesús Pérez (secretaria Asociación de Mulleres con discapacidade de Galicia “Acadar”)
  • Chus Barreiro (mestra do Instituto de Educación Secundaria As Telleiras) 

 

Este acto forma parte do programa conmemorativo do 8-M, Día Internacional da Muller.

No mesmo marco, o venres 14 de marzo celebrarase a tradicional Cea de Mulleres, no Restaurante “A Trasanquesa” (Sedes) no que se volverá a homenaxear a Dolores Graña Freire, elexida Muller do Ano 2014 en Narón.