A Concellería de Deportes convoca o “I Taller de Autodefensa para mulleres”

O profesor da Escola Superior de Kárate de Narón, Gustavo Vázquez, será o encargado de impartir as sesións, nas que, asegurou, “se adquirirán unha serie de coñecementos de kárate moi útiles para as persoas sen coñecementos de autodefensa”.

A inscrición nos cursos, que terán un máximo de vinte prazas cada un, será gratuíta e terán preferencia as mulleres do municipio naronés, que deben ter máis de 15 anos para poder asistir.

  • As primeiras clases deste Taller de Autodefensa terán lugar os días 3, 10, 17 e 24 de xuño, das 18.30 ás 20.00 horas no local da Escola Superior de Kárate, nos números 17-19 da rúa San Avelino, en Freixeiro. O prazo de matrícula para esta primeira convocatoria abrirase o día 23 de maio e pechará o 1 de xuño, tal e como apuntou o concelleiro de Deportes. 
  • O segundo curso será os días 7, 14, 21 e 28 de outubro, tamén de 18.30 a 20.00 horas, no pavillón da Solaina, na rúa Cardenal Cisneros. O prazo de matrícula manterase aberto do 22 ao 30 de setembro, ambos incluídos. 

Nos dous casos é preciso anotarse nas oficinas do Servizo de Deportes, no Complexo Polideportivo Municipal da Gándara, en horario de 9.00 a 13.00. 

O concelleiro de Deportes, Román Romero, destacou a importancia desta actividade, animando ás mulleres de Narón a participar para formarse en autodefensa. “Trátase dunha gran oportunidade para coñecer unha serie de técnicas básicas que en determinadas situacións poderán ser moi útiles, cando menos, para tratar de evitar un posible risco inminente e poder pedir axuda ao lograr reducir, por exemplo, a unha persoa que trata de cometer unha agresiónT”, explicou.

O edil avanzou que tralo último taller, se convocará ás participantes das dúas convocatorias para asistir a unha charla que impartirá unha psicóloga a través dunha colaboración coa Concellería de Igualdade, presidida pola edil Teresa Sabio.