O Concello de Narón conmemorará a partir de mañá con varios actos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.

Ás 12.00 horas procederase a homenaxear na segunda planta do Consistorio á Muller do Ano 2017 de Narón, un recoñecemento a unha muller da localidade pola súa traxectoria e cuxo nome se dará a coñecer no propio acto, como é habitual. Presidirá a convocatoria o alcalde, José Manuel Blanco, que estará acompañado pola edil de Igualdade, Teresa Sabio, e polos portavoces da corporación local, tamén convidados. De igual xeito, a homenaxeada estará acompañada por outras persoas que, como en anteriores ocasións, actuarán de modo “cómplice” para darlle unha sorpresa. Pola tarde, ao anoitecer, tamén mañá se iluminará de cor malva a fachada do Pazo da Cultura.

Na propia xornada do 8 de Marzo o goberno local contará coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón. Os establecementos agrupados na entidade repartirán entre a súa clientela unhas bolsas de papel coas compras, co lema “Mulleres e homes por igual”.

Os actos continuarán na xornada do vindeiro xoves, día 9, coa presentación do libro “Machismos: de micro nada, na Biblioteca municipal a partir das 19.00 horas. A publicación escribírona integrantes do colectivo “Fiadeiras”, vencelladas ao Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

O venres día 10 celebrarase no restaurante A Roldana, no polígono de Río do Pozo, a tradicional Cea da Muller, a partir das 21.30 horas. Será novamente nesa cea cando a Muller do Ano 2017 reciba unha segunda homenaxe, neste caso pública, acompañada por un grupo de mulleres que asistirán á convocatoria.

A última das actividades programouse para o día 16 de marzo no Centro Cívico Social da Gándara. A partir das 18.00 horas dará comezo un obradoiro informativo, sobre o “Servizo de atención psicolóxica para vítimas de violencia de xénero”.

As concellerías de Igualdade, Cultura e Bibliotecas de Narón colaboran na organización dos eventos programados este ano con motivo do 8 de Marzo.