O venres iluminaranse de cor malva o Pazo e a glorieta de Freixeiro

A Comisión de Desenvolvemento da Actividade Social e Igualdade ditaminou por unanimidade a favor da adhesión do Concello á campaña Emerxencia Feminista, promovida por diferentes organizacións de mulleres e a través da que se impulsan accións en todo o país para o vindeiro venres, día 20. A concelleira de Igualdade, Mar Gómez, avanzou que na cidade se procederá a iluminar de cor malva o exterior do Pazo da Cultura entre as 21.00 e as 00.00 horas do venres e durante toda a fin de semana pola noite tamén a glorieta de Freixeiro.

“A través desta campaña sumámonos ao respaldo de tódalas accións encamiñadas a erradicar os asasinatos machistas e calquera outro tipo de violencia contra as mulleres, ao tempo que urximos medidas e recursos para a loita contra esta lacra social, a violencia de xénero”, explicou Gómez.

A edil naronesa recordou que dende o Concello se impulsan ao longo do ano campañas e programas contra a violencia de xénero entre diferentes colectivos, “unhas iniciativas que continuaremos respaldando porque é primordial que dende todas as administracións aunemos forzas para loitar contra a violencia de xénero”.