A alcaldesa presidiu unha nova sesión do Consello Sectorial de Igualdade acompañada por Mar Gómez e Catalina García.

Participaron na reunión desta mañá representantes políticos do Concello e as entidades ACADAR, AFINOR, ASCM, Patronato Concepción Arenal e AXF.

Na orde do día tratáronse as propostas municipais para a conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Algunhas destas propostas sobre as que se está a traballar son:

 

  • Obradoiros nos centros educativos para alumnado de 3º e 4º de ESO co obxectivo de analizar co alumnado, dunha forma dinámica e participativa, aqueles contidos que máis consumen a través de videoclips, series, Youtube, Instagram…
  •  Concurso nos centros educativos para converter unha imaxe nun mural na rúa
  • Unha exposición que sexa continuidade da que comezou co 8M do ano 2021 na que se recolla a historia do 25 N, datos relativos á Violencia machista e os recursos existentes a nivel estatal, galego e local e actividades desenvolvidas no concello
  • Marcha ciclista virtual contra a Violencia machista e pola Igualdade na que participarían os centros de ensino de Narón
  • Acto institucional de lectura do Manifesto contra a Violencia de Xénero e ofrenda floral ante o Monumento á Muller na Praza da Gándara aberto a toda a cidadanía o xoves 25 de Novembro ás 12.00 horas.
  • Campañas de sensibilización ás que se suma o Concello de Narón, campañas “Defronte” (Deputación da Coruña) e campaña “En negro contra as violencias” na que participan moitos concellos galegos

 

Na sesión do Consello tratouse asimesmo o traballo sobre a avaliación do II Plan de Igualdade co que se analizará o grao de desenvolvemento do Plan nestes últimos anos, afondando nos logros acadados e nas dificultades atopadas para chegar a conclusións que poidan ser de utilidade cara a formulación de novas propostas e liñas de traballo para o establecemento do vindeiro III Plan de Igualdade do Concello de Narón.

A maiores, foron tratadas e valoradas outras propostas como:

“CUIDADANAS”, servizo de apoio integral a coidadoras no medio rural (Fundación Mujeres e Deputación da Coruña)

“MULLER EN RED”, dirixido a mulleres maiores de 50 anos, acadando un espazo no que coñecer xente, aprender sobre as novas tecnoloxías, facer actividades diferentes e aprender a coidarse…

Tamén se seguirá a traballar sobre novas propostas como o “Acoso callejero” así como na posibilidade de engadir diversos aspectos que poidan xurdir nas sesións que leven a cabo as entidades.